domingo, 28 de maio de 2017

Hai unha declaración de intencións oculta no terceiro caixón do teu dormitorio. Como unha okupa, como unha plaga de langostas, como unha plantación de eucaliptos, está. Como o ébola, a malaria, a meninxite. Sabémolo todos menos ti, ao parecer. Sabeo a froiteira, que che serve os pesegos podridos de seis dias. Sábeo a tua sobriña, que foza na area coas mans e escrebe o seu nome cun pao.
As portas do armario ficaron abertas e a polilla aniñou  nas nosas roupas.
Todas as flores que plantou resístense a morrer no entanto  ti, sonámbulo, segues regandoas polas  noites.

sexta-feira, 26 de maio de 2017

Todos os medos que coleccionei durante anos constituiron un sindicato. Amparábaos a Constitución Española, a lexislación orgánica e o dereito internacional. Non o esperaba mais un día, ao abrir a porta da casa, atopeinos moi xuntos, moi pegados, portando unha enorme faixa.
Fixeron públicas as súas reivindicacións. Fechei a vivenda con dúas chaves. Pasei tamén un madeiro, afianceino con clavos. Non entraba un raio de luz. Mudeime de casa.
Pasou o tempo e non vou mentir, pensei que morreran. De fame, de sede, ou de noxo, non o sei. Dinnos por mortos e seguín adiante. É doado camiñar sen o seu peso. Sentinme lixeira, case levitando.
Un día abrín a porta e alí estaban. Lograran escapar da morte segura. Levei un bo susto, mesmo chorei. Eran os mesmos de sempre, non faltaba un. Algúns portaban canas, coma min. O tempo pasou por todos. Podería telos convidado a unha caña. Podería ter fechado de novo a casa, botado o madeiro, posto os clavos, podería ter fuxido.
Decidín deixar a porta aberta e comezar unha difícil convivencia.
E voltei a abrir este blogue.

sábado, 1 de dezembro de 2012




Como se fora outubro, penso: estará? Baixo a mirada, unha liña, dúas, tres.
Non está.

E eu estou nunha praia. Corro cara a beira.
Vai frío e sinto o corazón latexar na gorxa cando me bota auga e sorrí.
Sorrí e caio dentro desa risa, e xiro.
Estou comendo salmón mentres olla cara min, e ten medo.
Estou irrumpindo no seu espazo mentres me esquiva,e ten medo.
O seu mundo está patas arriba como unha vacaloura virada.
Vale... As miñas mans son torpes patas que non saben atopar a caricia perfecta. É certo.
Estou roubando minutos ao universo para compartilos.
Estou colándome, agochándome, calando, agardando.
Estou usando uns zapatos dun número xigante e camiño en barca.
Estou procurando unha foto que me lembre que existiu.
E existiu?
Tamén estou buscando un acantilado onde ceibar as ilusións.
Eu teño que ir alén, teño que ir. E sei que non virá conmigo.
Eu vou saltar. E sei que non saltará conmigo.

sexta-feira, 27 de julho de 2012



Como nunha estampida saimos correndo arrasando con todo pisando cabezas derrubando barreiras as nosas barreiras collendo aire perdendo forza renunciando traspasando mentindo esquivando nun xigantesco traspés que nun-ca- re-ma-ta.

-Faime unha pregunta.
-Quéresme?
E respostoulle non sei que duns cereixos e unha primavera.

domingo, 18 de abril de 2010

desertización

Racho por difetentes puntos. Coseume un tonto. No entanto, fico. Realmente non é valentía, é que non sabería irme. Paréceme que isto é coma cando tiñamos que saltar vallas en ximnasia, e corres e colles impulso e estás segura de que desa pasas por riba pero entón enredanseche os pés e caes e doe pero segues saltando porque non che queda outra. Un puto campo de minas. Cando pregunten eu renegarei 1, 2, 3 veces coma puñaladas agardadas. Pésanme sacos de serrín no corazón.
Non voltará brillar, pero a iso sempre nos acostumamos.






.

terça-feira, 9 de março de 2010

n-o-s-o



Sabiam bem que o seu
-se havia qualquer cousa que pudesse ser nomeada como
o seu-
era na prática
impossível
Nem táctica nem estrategicamente
existia aquilo que ambos os dous reconheciam
instintivamente
como o seu
Ela era eminentemente lírica
e ele obsessivamente prosaico
Ele substantivizava acçons
e ela nom fazia mais que adjectivar sentimentos
Ela na procura incessante de umha cálida sensaçom
e ele sempre a fugir de qualquer indício de doçura
Porém
conseguiram
nas escassas ocassions em que coincidiam
no tempo e no espaço
caminhar juntos sem tropeçarem
e mesmo podiam estar vários segundos
e até minutos
diante de uns cafés ou umhas cervejas
sem falar
em silêncio
A evitar cuidadosamente as inecessárias palavras
Sabiam bem
que umha mínima parte do outro
era cousa sua
e que a soma de tudo isso
era aquilo que
inexplicavelmente
dotava de conteúdo o seu
-se havia qualquer cousa que pudesse ser nomeada como
o seu-




Lugrís 









-

quarta-feira, 28 de outubro de 2009

delirium



Dixeche adeus vários dias seguidos
sen dizé-lo
mentres se me ia partindo o corazón
e a militáncia
-o cora
zón
e a militán
ci
a-
e todo era un frio
entre a esperanza e a derrota

Igor Lugrís




sábado, 10 de outubro de 2009

Destrucción

A xente é así.
Chegamos, consumimos e marchamos.
Como as putas langostas.





.

segunda-feira, 5 de outubro de 2009

Raiba ou a fonética dos jetaimes

Acto Primeiro

Ía cortarme as veas sen molestar a naide pero apareciches cun bote de mel e un millón de soños e dixéchesme que fosemos ó río e por primeira vez en moito tempo quixen estar viva, pensei que a xigantesca bola de neve e mierda non necesariamente tiña que acabar conmigo
Por suposto, estaba equivocada.
E agora plantaría lume a un monte, acoitelaría a Frida Kahlo polas costas, cotizaría en bolsa, cultivaría un millón de eucaliptos.
Para que me odiases.
Quérote. 
Díxenche que non te quería.
Creo que era mentira.



Acto segundo. 
Pensei que non me deixarías caer.
Que nunca chegaría ao chan, pero eu estou caendo neste intre mesmo e non atopo os teus brazos.
Teño os xeonllos rabuñados.
Pode ser que caia demasiadas veces. Tamén é certo que te afastei dunha patada na boca.
Pode que simplemente pese demasiado para que me sosteñas cando caio.



Acto terceiro. Lorazepam.

O ceo é azul e a herba é verde.
Estou de bo humor.
Todo vai ben.












.

sábado, 3 de outubro de 2009

Parece que chove


E preguntábame ó abrir os ollos
se poderías arrincarme de min e queimar as sobras
e exercer a miña defensa e poñerte en pé.

E resignábame ó saber o perto que andaba o teito
a imposibilidade de quererme 
sen argumentario
a medio centímetro da racionalidade e instalados na preguiza
quererme
da comisión ó plenario.




.

terça-feira, 29 de setembro de 2009

Irrepetible


Ti si que és unha vez na vida.



.

quarta-feira, 23 de setembro de 2009

Os mandamientos




I

"Eu quería que me leras o pensamento
que souberas o que sinto sen que tivera que dicilo
que entenderas o que ninguén entende
o que eu non descifro
que confiaras nas miñas mentiras
-que agochan algunhas verdades importantes-
que desculparas a miña existencia
e xustificaras os meus microsuicidios
ti non soubeche
ou eu non te deixei
pero da igual
a culpa sigue sendo miña"



II

Se non sabes que buscas
non te enteras do que atopas



III

Para construir un nós
primeiro teño que crear un min
e pasar certo tempo sen tentar sabotealo




IV

Elas non o saben
pero cando pelexan
eu practícome unha sesión de budú



V


O amor non é un capítulo de Anatomía de Grey
é unha partida ao Tekken III





...

quinta-feira, 17 de setembro de 2009

Esquisse d'une théorie des émotions



Existimos
porque alguén pensa en nós, e non ó revés.





Sabor a porexpan

Enténdeo. É terrible ter que aturar ó monstruo, pero ela está dentro, aínda, non sabe por canto tempo.
Perdeu a voz. Perdeu a esencia.
Agora sabe a porexpan.
Os anacos de corazón tamén fuxen pola boca.
Perdeu.
Invocou o monstruo e agora non quere irse.
Estalle dixerindo de verdade e non pode facerlle fronte.
Sinte ser iso.

As veces esquece onde comeza o monstruo e onde remata ela.




.

terça-feira, 15 de setembro de 2009

40%




-O peor de pensar é que podes chegar a conclusións que é máis cómodo negar, pero neste caso parece convinte asumir
a natureza da sustitución.
-Xa sabes que penso diso... Todo o mundo debería ter dereito a namorarse de quen quixer. Sempre vai haber alguén malferido pola tanxente... Pero é inevitable.

- Si, tes razón. Quererte dende a tanxente deixoume mutilada. 
Debe comezar a rehabilitación.


domingo, 13 de setembro de 2009

Bicos


Estimado:

Escribo de parte de eles, que aínda están demasiado conmocionados como para expresarse. Enténdeos, para eles foi un choque de vertixe, unha bofetada de realidade das de puño fechado. Eu, que xa llo advertira en varias ocasións, reprimin un telodijeSabes que son rebuldeiros, é distraerme un intre e xa están facendo das súas... Pero o de onte probablemente foi especialmente escandaloso. Sei que eles non pedirán desculpas e tampouco é a miña intención facelo no seu nome, pero quería que ficaran as cousas claras pola nosa parte. A túa reacción foi libre e espontánea, eles descontroláronse e ti estabas no teu dereito. Non te culpo. Pero xa está, podemos esquecer este incidente. Xa falei con eles, e comprenderon a situación. Non volverán a molestarte máis, iso telo por seguro. Son insistentes (parece que contigo), pero onte ficáronlles as cousas claras e eu xa lles advertin sobre os perigos de seren kamikazes. Tamén teñen orgullo, non vaias pensar, e viuse afectado polos acontecementos de onte. Síntense tristes, un pouco humillados e bastante arrepentidos. Non polo que fixeron, din, senón pola túa reacción, pero se lles pasará, logo irei botarlles un ollo e darlles uns ánimos.
Así que pouco máis. Terás que desculpar unha sosa despedida, é que despois do de onte, están agochados (aínda non sei moi ben onde) e teñen medo de saír, así que só che podo mandar os abrazos.

Atentamente,
X

terça-feira, 8 de setembro de 2009

De morte natural




Son especialmente incapaz de ter a roupa doblada no armario. Sempre boto auga de máis ou de menos cando fago café. Cústame escoller. Non sei darlle a volta á tortilla.
Son especialista en perder a carteira e o móvil.
Manteño unha relación conflictiva cos espellos. Nunca aprendín a enrollar os espagueti.
Fágome dependente da xente que quero (preciso que lle dean a volta ás miñas tortillas).
Non podo asumir que alguén me sustitúa.
Teño unha acusada tendencia a intuir conspiracións interplanetarias contra a miña persoa.



Levo tremendamente mal o feito de ser unha máis, de non ser irremplazable.



-....-

quarta-feira, 2 de setembro de 2009

Dolo



Que lle roce a ferida coa roupa ó pasar polo lado doelle. Atúrao, ela atúrao.
El tamén terá feridas que manquen e xente que as roce sen decatarse.
Pero que se pare, a mire e que afunda os dedos na súa ferida
Iso si que NON.


domingo, 30 de agosto de 2009

Consumirmonos



O consumismo é unha leria. Consumimos roupa, non nos dura, para que nos vai durar, se a moda cambia e nós imos detrás. Consumimos comida de "comer e tirar", de paquete, de meter no micro e listo. Consumimos tecnoloxía, un móvil tras outro. E consumimos persoas. Serei unha rancia, pero consumimos persoas como se fosen paquetes de lasaña conxelada. Hoxe unha, mañá outra, sen máis preocupacións que as nosas, sen máis mirar pra adiante (eh?), evitando problemas cun simple corto e cambio. Trátase de compromiso a todos os niveis, pero por algunha razón meteusenos o consumismo na cabeza e viaxou ata o corazón e xa non só pasamos do compromiso político, do compromiso familiar ou do compromiso de ter unha planta e que non morra. Agora ata querer é demasiado compromiso, e por iso preferimos consumirnos uns a outros, até que non quede nada. Desbotar e seguir, e a outra cousa. E a quen lle importa realmente?



* * *

segunda-feira, 17 de agosto de 2009

Suicídame


Entrache de puntillas, sen facer ruido. Levavas algo agochado nas costas, pero eu non podía velo. De feito, non vía nada: estaba durmido. Sentía a túa presencia por ese olor que deixas ó pasar, que posiblemente só existe na miña imaxinación, tan afeito ela ás camisolas esquecidas nos armarios a medio encher. No fondo, recoñecerei que o esperaba. Non me pareceu demasiado inxenioso, por outro lado. Sempre imaxinei que o farías inovando, para facer escola, que din. Non pensei en vulgaridades, máis ben nalgo cósmico, divino, elegante. Non é que ti o sexas. Definitivamente, xamáis fuches elegante, cósmica pode que as veces e o adxectivo "divina" non sabería usalo para describir nada que tiveses feito na vida. Tranquilo, sorrín. Nin me molestei en fechar os ollos. Esperaba que ainda te demoraras unha semana ou dúas. Tomar decisións nunca foi o teu forte e a fin de contas estábaste adiantando ao calendario marcado, cando ti sempre fuche máis de chegar tarde, perder trens e apagar despertadores. Abrindo discretamente un ollo comprobei que eran as des da mañá. Iso restoulle dramatismo e deulle ese toque tan teu que eu no fondo agardaba. A xente común faino de madrugada, ó amencer ou antes do almorzo, pero nunca de resaca e co licor café ainda latexando na roupa espallada baixo a cama. Subiche á cama. Iso non tía, que vas manchar as sabas, que as lavei esta mañá. Debichesme ler o pensamento porque baixache dun chimpo. Agora, no reflexo do despertador sen pilas puiden ver a ferramenta: unha chave inglesa, grande e brillante. Abrín os ollos, excitado e mireite fixamente, cun sorriso na cara. Suicídame! berrei, desexoso de sentir o metal fendéndome a cabeza en dous. Suicídame dunha puta vez. Non atopei aínda xeito máis tráxico de parar o cuco. Cortarse as veas é de divos e aforcarse de vaqueiros e eu sempre fun un neno de cidade. Non quero salpicar as sabas nin a alfombra de Pórtico, a rapaza do tinte sempre me chisca o ollo e a diferenza de ti, milito na fidelidade conxugal. Tampouco me gustaría que o caseiro che quitase a fianza. E definitivamente non quero que me autopsien. 
Quero que me estampes a loita de clases no cerebelo e me deixes tranquilo cohabitando coas miñocas. 
Pero ti estás dubindando. 
Sabíao, ese é o teu problema. 
Non podes acabar o que empezas e mírate: agora tes na cama un cadáver cos ollos moi abertos, coas pernas moi pechadas.