Mostrando postagens com marcador Os meus textos. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Os meus textos. Mostrar todas as postagens

segunda-feira, 17 de agosto de 2009

Suicídame


Entrache de puntillas, sen facer ruido. Levavas algo agochado nas costas, pero eu non podía velo. De feito, non vía nada: estaba durmido. Sentía a túa presencia por ese olor que deixas ó pasar, que posiblemente só existe na miña imaxinación, tan afeito ela ás camisolas esquecidas nos armarios a medio encher. No fondo, recoñecerei que o esperaba. Non me pareceu demasiado inxenioso, por outro lado. Sempre imaxinei que o farías inovando, para facer escola, que din. Non pensei en vulgaridades, máis ben nalgo cósmico, divino, elegante. Non é que ti o sexas. Definitivamente, xamáis fuches elegante, cósmica pode que as veces e o adxectivo "divina" non sabería usalo para describir nada que tiveses feito na vida. Tranquilo, sorrín. Nin me molestei en fechar os ollos. Esperaba que ainda te demoraras unha semana ou dúas. Tomar decisións nunca foi o teu forte e a fin de contas estábaste adiantando ao calendario marcado, cando ti sempre fuche máis de chegar tarde, perder trens e apagar despertadores. Abrindo discretamente un ollo comprobei que eran as des da mañá. Iso restoulle dramatismo e deulle ese toque tan teu que eu no fondo agardaba. A xente común faino de madrugada, ó amencer ou antes do almorzo, pero nunca de resaca e co licor café ainda latexando na roupa espallada baixo a cama. Subiche á cama. Iso non tía, que vas manchar as sabas, que as lavei esta mañá. Debichesme ler o pensamento porque baixache dun chimpo. Agora, no reflexo do despertador sen pilas puiden ver a ferramenta: unha chave inglesa, grande e brillante. Abrín os ollos, excitado e mireite fixamente, cun sorriso na cara. Suicídame! berrei, desexoso de sentir o metal fendéndome a cabeza en dous. Suicídame dunha puta vez. Non atopei aínda xeito máis tráxico de parar o cuco. Cortarse as veas é de divos e aforcarse de vaqueiros e eu sempre fun un neno de cidade. Non quero salpicar as sabas nin a alfombra de Pórtico, a rapaza do tinte sempre me chisca o ollo e a diferenza de ti, milito na fidelidade conxugal. Tampouco me gustaría que o caseiro che quitase a fianza. E definitivamente non quero que me autopsien. 
Quero que me estampes a loita de clases no cerebelo e me deixes tranquilo cohabitando coas miñocas. 
Pero ti estás dubindando. 
Sabíao, ese é o teu problema. 
Non podes acabar o que empezas e mírate: agora tes na cama un cadáver cos ollos moi abertos, coas pernas moi pechadas.

segunda-feira, 10 de agosto de 2009

KILÓMETRO CERO

Finxamos que foi un accidente.

Que eu hoxe non viñen procurando acubillo. Que non me tremen as maos ó desvirgarte.
Que non corro e tiro do freno e derrapo e espétome e salta o airbag e afogo.
Que non esperas de min unha amante incansable que volva cada día, que pase os meus dedos e corra a imaxinación e se corra quen se teña que correr.
Que non teño medo
a escoitarme
probarme
cansarme
quererme
sentirme
lerme
berrarme
perderme
tocarme
entenderme
durmirme
espertarme
percorrerme
atoparme
matarme


Finxamos, logo, que estou viva. Que escribo para non estar estar morta.
Finxamos que Alodia escribe, non se sabe moi ben se viva ou morta.
Finxamos que a tipa esta escribe porque é máis doado que ter un mozo, ir ao cine, emborracharse, meterse mao, discutir, cortar, volver, chorar, follar, volver a volver, volver a chorar, drogarse, volver a volver e volver a follar, volver, follar, cortar, volver, chorar, beber.
Finxamos que é máis doado escribir que atopar o valor para tirarse pola xanela.
E con esa certeza, sigamos.