domingo, 28 de maio de 2017

Hai unha declaración de intencións oculta no terceiro caixón do teu dormitorio. Como unha okupa, como unha plaga de langostas, como unha plantación de eucaliptos, está. Como o ébola, a malaria, a meninxite. Sabémolo todos menos ti, ao parecer. Sabeo a froiteira, que che serve os pesegos podridos de seis dias. Sábeo a tua sobriña, que foza na area coas mans e escrebe o seu nome cun pao.
As portas do armario ficaron abertas e a polilla aniñou  nas nosas roupas.
Todas as flores que plantou resístense a morrer no entanto  ti, sonámbulo, segues regandoas polas  noites.

sexta-feira, 26 de maio de 2017

Todos os medos que coleccionei durante anos constituiron un sindicato. Amparábaos a Constitución Española, a lexislación orgánica e o dereito internacional. Non o esperaba mais un día, ao abrir a porta da casa, atopeinos moi xuntos, moi pegados, portando unha enorme faixa.
Fixeron públicas as súas reivindicacións. Fechei a vivenda con dúas chaves. Pasei tamén un madeiro, afianceino con clavos. Non entraba un raio de luz. Mudeime de casa.
Pasou o tempo e non vou mentir, pensei que morreran. De fame, de sede, ou de noxo, non o sei. Dinnos por mortos e seguín adiante. É doado camiñar sen o seu peso. Sentinme lixeira, case levitando.
Un día abrín a porta e alí estaban. Lograran escapar da morte segura. Levei un bo susto, mesmo chorei. Eran os mesmos de sempre, non faltaba un. Algúns portaban canas, coma min. O tempo pasou por todos. Podería telos convidado a unha caña. Podería ter fechado de novo a casa, botado o madeiro, posto os clavos, podería ter fuxido.
Decidín deixar a porta aberta e comezar unha difícil convivencia.
E voltei a abrir este blogue.