Escribo de parte de eles, que aínda están demasiado conmocionados como para expresarse. Enténdeos, para eles foi un choque de vertixe, unha bofetada de realidade das de puño fechado. Eu, que xa llo advertira en varias ocasións, reprimin un telodije. Sabes que son rebuldeiros, é distraerme un intre e xa están facendo das súas... Pero o de onte probablemente foi especialmente escandaloso. Sei que eles non pedirán desculpas e tampouco é a miña intención facelo no seu nome, pero quería que ficaran as cousas claras pola nosa parte. A túa reacción foi libre e espontánea, eles descontroláronse e ti estabas no teu dereito. Non te culpo. Pero xa está, podemos esquecer este incidente. Xa falei con eles, e comprenderon a situación. Non volverán a molestarte máis, iso telo por seguro. Son insistentes (parece que contigo), pero onte ficáronlles as cousas claras e eu xa lles advertin sobre os perigos de seren kamikazes. Tamén teñen orgullo, non vaias pensar, e viuse afectado polos acontecementos de onte. Síntense tristes, un pouco humillados e bastante arrepentidos. Non polo que fixeron, din, senón pola túa reacción, pero se lles pasará, logo irei botarlles un ollo e darlles uns ánimos. Así que pouco máis. Terás que desculpar unha sosa despedida, é que despois do de onte, están agochados (aínda non sei moi ben onde) e teñen medo de saír, así que só che podo mandar os abrazos.