Como se fora outubro, penso: estará? Baixo a mirada, unha liña, dúas, tres.
Non está.
E eu estou nunha praia. Corro cara a beira.
Vai frío e sinto o corazón latexar na gorxa cando me bota auga e sorrí.
Sorrí e caio dentro desa risa, e xiro.
Estou comendo salmón mentres olla cara min, e ten medo.
Estou irrumpindo no seu espazo mentres me esquiva,e ten medo.
O seu mundo está patas arriba como unha vacaloura virada.
Vale... As miñas mans son torpes patas que non saben atopar a caricia perfecta. É certo.
Estou roubando minutos ao universo para compartilos.
Estou colándome, agochándome, calando, agardando.
Estou usando uns zapatos dun número xigante e camiño en barca.
Estou procurando unha foto que me lembre que existiu.
E existiu?
Tamén estou buscando un acantilado onde ceibar as ilusións.
Eu teño que ir alén, teño que ir. E sei que non virá conmigo.
Eu vou saltar. E sei que non saltará conmigo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário